Tuesday 21 de May de 2024

Feijóo sinala o reto do artellamento harmónico para achegar a Galicia universidades especializadas, colaborativas e internacionalizadas


Afirma que Xunta e universidades están demostrando que o acordo é posible e, grazas a iso, establecéronse estes principios sobre as titulacións que supoñen un paso máis despois do decreto que regulou as ensinanzas universitarias en 2011; da adaptación ao Plan Boloña; e da reorientación de graos e másters

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que o reto do noso sistema universitario é o seu artellamento harmónico, partindo da idea básica de que ningún coñecemento é superfluo. Trátase de achegar aos galegos universidades especializadas, eficientes, colaborativas e internacionalizadas, perfilando un sistema adaptado a un mundo que reclama un contacto directo e continuo entre os centros de ensino superior e a sociedade.

Así o expresaba o xefe do Executivo galego no acto de sinatura do Acordo para a definición dos principios reitores da planificación da oferta académica do Sistema Universitario Galego, onde estivo acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e os reitores das tres universidades de Santiago, Juan Manuel Viaño, de Vigo, Salustiano Mato, e da Coruña, Julio Abalde.

Alí, o titular da Xunta incidiu en que a longa tradición coa que conta a Universidade galega é un orgullo e unha obriga para perfeccionala, e cre que os Principios reitores do mapa de titulacións responden a ese desexo e son posibles grazas aos tres reitores, que protagonizan unha cultura da cooperación que xa ten dado froitos como o acordo para a docencia clínica en Medicina ou o novo Plan de financiamento universitario.

Racionalizar e mellorar o Sistema Universitario Galego
Feijóo asegurou que a Xunta e as universidades están demostrando que, actuando a favor do interese común, o acordo é posible. Grazas a iso, establecéronse estes principios sobre as titulacións que supoñen un paso máis despois do decreto que regulou as ensinanzas universitarias en 2011; da adaptación ao Plan Boloña; e da reorientación de graos e másters.

Segundo Feijóo, o desafío agora é racionalizar e mellorar e, por iso, a pretensión compartida pola Universidade e a Xunta é introducir novos títulos de grao e máster que dean resposta a demandas profesionais de futuro. Estes novos títulos non deben perder o horizonte da especialización dos campus, eido no que Galicia é pioneira. Nesta liña, citou a construción do Campus da Auga en Ourense, o Campus Terra en Lugo, o Campus Industrial en Ferrol, o Campus Crea en Pontevedra. Así mesmo, incidiu en que se segue pulando polo Campus Vida en Santiago e o Campus do Mar en Vigo. E no futuro agardan o Campus Innova e Sustentabilidade da Coruña, o Campus da Cidadanía en Santiago e o Campus Tecnolóxico en Vigo.

Ademais diso, Feijóo matizou que os Principios reitores apostan por fusionar e redefinir titulacións, determinando en todo caso as titulacións consideradas singulares, ao tempo que recollen a oferta de títulos interuniversitarios.

Non se trata, polo tanto, de poñer en cuestión o tamaño do Sistema Universitario Galego. Como subliñou o titular da Xunta, para ser grande e forte nestas alturas do século XXI cómpre cooperar e saber artellar grandes unidades, sexan políticas, administrativas, económicas ou universitarias.